Este próximo domingo, 13 de febreiro,comeza o novo reto que se propuxeron os pontevedreses Sergio González e Jenner David Ludeña, percorrer a pé e en cadeira de rodas e durante cinco etapas os 92 quilómetros do Camiño entre Santiago e Fisterra.
Trátase dunha proba de superación para eles xa que Sergio sofre parálise cerebral e Jenner, condrodisplasia metafisaria tipo Jansen.
Nesta nova aventura contarán coa axuda dos voluntarios do programa Rodando, da empresa A Devesa, que se encargará do avituallamiento, e tamén co apoio económico das concellerías de Benestar Social e Deportes do Concello de Pontevedra.
Este xoves presentouse este novo reto que chega despois de completar con éxito o Camiño Portugués, desde Tui a Santiago, unha experiencia "fermosa ", segundo valorou Sergio González que admitiu que "non estaba seguro de que fora viable e de se sería capaz de camiñar toda a distancia".
"Resultou unha experiencia fermosa e un reto moi grande, cun desgaste físico importante (que preparou no ximnasio), pero que por enriba do relixioso ou do feito de camiñar" sirviulle "para coñecer unha Galicia que non coñecía, con pequenos pobos, paisaxes preciosos e lugares polos que non pasas habitualmente cando vas en coche".
"O que máis destaco sempre neste tipo de actividades -dixo González- é a convivencia con outras persoas. Cando comezamos, pensaba que ía ser algo íntimo, que iamos facer Silvia e máis eu e ao mellor algún voluntario máis, así que me sorprendeu moito ver no meu móbil un listado enorme de persoas que se unían... Un autobús. Nestes tempos modernos nos que parecen que vivimos máis nas redes sociais que na vida real, esa convivencia é o máis bonito".
Jenner David Ludeña destacou deste programa Rodando que "é unha parte da miña familia e dunha convivencia entre persoas con discapacidade e voluntarios".
"Os voluntarios aprenden moitas cousas e dificultades que as persoas con diversidade atravesan no seu día a día". Ludeña, tesoureiro da Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares ( Asem), destacou que "hai moitas persoas que queren desfrutar destas actividades e que, por certos motivos non as poden facer, porque non hai as xestións necesarias ou os aparatos ortopédicos que se precisan para estas rutas, e o voluntariado do programa Rodando está aí para poder facer realidade estas andainas e retos". "Eu persoalmente estou a disposición para poder darlles asesoramento en deporte inclusivo e todo o que necesiten", engadiu.
Tal e como lembrou, a coordinadora do programa Rodando, Silvia Rey, trátase dunha iniciativa de lecer inclusivo en bicicletas adaptadas, que depende da asociación Amencer-Aspace no que "todo o mundo é benvido".
O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, explicou que a iniciativa se enmarca no programa A Vida é Movernos, e, do mesmo xeito que Marcos Rey, agradeceu a Amencer e a Rodando que contasen co Concello e expresaron a súa seguridade de que este é un desafío que se vai a superar con éxito como xa fixeron hai uns meses co de Tui a Santiago.
No hay comentarios:
Publicar un comentario