jueves, 10 de febrero de 2022

O CONCELLO DE PONTEVEDRA APOIA O NOSO NOVO PROXECTO

 

O programa de lecer e deporte inclusivo Rodando xa ten os ollos postos nun novo reto: completar a distancia entre Santiago de Compostela e Fisterra

25

  • O desafío, impulsado por Amencer-Aspace en colaboración coas concellerías de Benestar Social e de Deportes, desenvolverase en cinco etapas. A primeira terá lugar este domingo 13 de febreiro cun itinerario entre Santiago e Ponte Maceira
  • Os participantes cubrirán máis de 85 kilómetros, con camiñadas previstas unha vez ao mes (ata xuño). Percorrerán localidades como Negreira, Olveiroa, Cee e Corcubión, visitando diversos tesouros do noso patrimonio histórico e natural

No seu obxectivo de fomentar o lecer e o deporte para tod@s e a superación persoal a través de diferentes roteiros e tras completar desafíos como a peregrinación a Santiago de Compostela, o programa inclusivo Rodando, impulsado polo colectivo Amencer-Aspace en colaboración coas concellerías de Benestar Social e de Deportes de Pontevedra, xa ten os ollos postos no seu seguinte reto: completar a distancia que separa a capital galega con Fisterra, pasando por localidades como Ponte Maceira, Negreira, Olveiroa, Cee e Corcubión. As camiñadas desenvolveranse en cinco etapas, unha por mes (a última será en xuño), iniciándose este domingo 13 de febreiro (en función das condicións meteorolóxicas podería trasladarse a outro día) cun itinerario duns 17 kilómetros entre Santiago e Ponte Maceira, con paso por Sarela de Abaixo, Alto do Vento, Lombao, Augapesada, Trasmonte, Ponte Vella, a capela do Carme e o Pazo de Baladrón.

A iniciativa, enmarcada dentro do proxecto A Vida é Movernos, foi presentada esta mañá no Concello nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; a coordinadora do programa Rodando, Silvia Rey; o voluntario Fran Valiñas, e os usuarios de Amencer Sergio González e Jenner David Ludeña. Trátase dun reto de máis de 85 kilómetros no que están previstas etapas entre Ponte Maceira e Cornado (marzo), de 15 kilómetros; Cornado e Olveiroa (abril), de 18,5 kilómetros; Olveiroa e Cee (maio), de 19,5, e Cee e Fisterra (xuño), de 15,4.

A segunda etapa, entre Ponte Maceira e Cornado, permitirá contemplar tesouros como o Pazo de Cotón, a igrexa de San Xulián, o templo de San Mamede, a paraxe do Altiño do Cotón e Vilaserío, mentres que a terceira, entre Cornado e Olveiroa, atravesará a ponte sobre o río Maroñas, Santa Mariña, o Monte Aro, o embalse da Fervenza, Abeleiroas, a igrexa de San Cristovo de Corzón e a conca do río Xallas. O itinerario entre Olveiroa e Cee pasará por elementos patrimoniais tan fermosos como os cruceiros de Marco do Couto e A Armada, as ermidas da Nosa Señora das Neves e de San Pedro Mártir ou a igrexa da Xunqueira, mentres que o percorrido de peche desta marcha inclusiva discorrerá por Corcubión, a aldea de Vilar, Sardiñeiro, a cala do Talón, a Cruz de Baixar, a capela da Nosa Señora do Bo Suceso, a igrexa de Santa María das Areas e o espectacular contorno do Faro de Finisterre.

Todas aquelas persoas que desexen sumarse ao reto deberán inscribirse previamente a través do whatsapp 653 803 558, con prazas de balde e limitadas ata completar cupo.

Rachar coas barreiras invisibles

Tino Fernández asegurou que “as actividades ao aire libre son un elemento fundamental de A Vida é Movernos e a primeira deste ano é, nin máis nin menos, que unha marcha inclusiva que consta de varias etapas e que vai permitir coñecer a Ruta Xacobea entre Santiago e Fisterra”. O edil socialista agradeceulles aos organizadores a oportunidade que se lle deu ao Concello de Pontevedra de traballar no programa Rodando, “engadindo así ao proxecto A Vida é Movernos outros elementos importantes que forman parte da súa filosofía como a diversidade e a inclusión”.

Neste mesmo sentido, o concelleiro Marcos Rey afirmou que a Concellería de Benestar Social “sempre estará para botar unha man neste tipo de iniciativas”, que axudan “a rachar esas pequenas barreiras invisibles que están aí”. “É un desafío totalmente inclusivo -apuntou Rey- que estou convencido de que van superar, como fixeron coa marcha entre Tui e Santiago. Van un pouco como exploradores, porque non coñecen demasiado esa ruta, pero para iso están os desafíos”.

A coordinadora de Rodando indicou que o programa de lecer inclusivo dependente de Amencer-Aspace e xestionado por voluntarios ten as portas abertas “a todo o mundo, persoas con e sen discapacidade”, realizando roteiros con bicicletas adaptadas tódolos luns.

Tal e como sinalou Silvia Rey, “a idea de facer o Camiño de Santiago xurdiu por un dos nosos usuarios, Sergio González, ao que sempre lle apetece facer cousas novas, e así foi como completamos o reto Tui-Santiago”.

O propio Sergio González admitiu que, aínda que participara nunha marcha previa pola Ruta da Pedra da Auga, inicialmente non estaba seguro de ser capaz de completar a Ruta Xacobea, posto que “eran moitos kilómetros e nunca tiña camiñado tanto seguido”. Non obstante, segundo valorou, “resultou unha experiencia fermosa e un reto moi grande, cun desgaste físico importante (que preparou no ximnasio), pero que por enriba do relixioso ou do feito de camiñar” lle serviu “para coñecer unha Galicia que non coñecía, con pequenos pobos, paisaxes preciosos e lugares polos que non pasas habitualmente cando vas en coche”. 

“O que máis destaco sempre neste tipo de actividades -dixo González- é a convivencia con outras persoas. Cando comezamos, pensaba que ía ser algo íntimo, que iamos facer Silvia e máis eu e ao mellor algún voluntario máis, así que me sorprendeu moito ver no meu móbil un listado enorme de persoas que se unían… Un autobús. Nestes tempos modernos nos que parecen que vivimos máis nas redes sociais que na vida real, esa convivencia é o máis bonito”.

Pola súa banda, Jenner David Ludeña destacou que “o programa Rodando é unha parte da miña familia”, permitindo unha convivencia e aprendizaxe mutuos, no que “os voluntarios aprenden moitas cousas e dificultades que as persoas con diversidade atravesan no seu día a día”. Ludeña, tesoureiro da Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (Asem), subliñou que “hai moitas persoas que queren desfrutar destas actividades e que, por certos motivos non as poden facer, porque non hai as xestións necesarias ou os aparatos ortopédicos que se precisan para estas rutas, e o voluntariado do programa Rodando está aí para poder facer realidade estas andainas e retos”. “Eu persoalmente estou a disposición para poder darlles asesoramento en deporte inclusivo e todo o que necesiten”, engadiu.

Fran Valiñas aclarou que nesta ocasión participarán “basicamente usuarios camiñando e en cadeira de rodas, empregando dispositivos handbike (un pequeno motor dianteiro) ou rodas centrais para axudar a levantar as rodas da cadeira e superar as fochas e deixando aparcadas as bicicletas adaptadas”, xa que completar o Camiño con elas “é moi complicado” e supón un esforzo loxístico enorme. “Está previsto que a primeira andaina parta ás 8:30 horas do Pavillón dos Deportes e non haberá horario de regreso, o que nos leve, a un ritmo duns dous kilómetros e medio por hora”, matizou Valiñas.


https://www.pontevedra.gal/2022/02/10/o-programa-de-lecer-e-deporte-inclusivo-rodando-xa-ten-os-ollos-postos-nun-novo-reto-completar-a-distancia-entre-santiago-de-compostela-e-fisterra/?fbclid=IwAR33W_nU2_KMhO6VpLfFi8TArUkqjxrf40c9IDrAKOKrpto7HCjEvLCM33s

No hay comentarios:

Publicar un comentario

POEMA CONTRA EL MACHISMO

  TÚ, GRAN MUJER   Tú, gran mujer, que tanto tienes por decir, con mil metas por cumplir, con todo por hacer,   Tú, gran mujer, tienes mucho...